O val do Avia é unha paisaxe líquida. Augas termais e correntes fluviais rodeadas de viñedos históricos coas mellores condicións para a produción de uva. Os grandes centros eclesiásticos galegos asentáronse no val do Avia con granxas, coutos e priorados.

Todas as viñas de Viña Meín-Emilio Rojo están dispostas en socalcos e bancais, patrimonio do milenario cultivo do val, onde a vide foi monocultivo desde o século XIII.

Viña Meín-Emilio Rojo están rodeadas de grandes rochas graníticas –moitas delas agachadas no monte, entre árbores e vexetación– que debuxan a particular paisaxe do val do Avia.

 

Faldras do val

 

As nosas parcelas están situadas nas bocarribeiras, terreos intermedios entre a montaña e a beira do río, na zona central do val, en San Clodio, Leiro.

Os viñedos de Viña Meín-Emilio Rojo simbolizan as dúas abas do val do Avia. Viña Meín encóntrase na marxe esquerda do río Avia, a do poñente (oeste) e o sol da tardiña. A parcela de Emilio Rojo está xusto fronte a Viña Meín, na marxe dereita do río, a beira do sol nacente (leste) e a luz da mañá.

As viñas son unha amalgama de orografías e ondulacións do territorio, exposicións norte-sur, leste-oeste e horas de sol. Unha complexidade que non só afecta a cada unha das abas do río senón a cada parcela dunha mesma aba.

 

“Cada parcela é unha unidade en si mesma debido á súa complexa orografía e situación xeográfica”.

Laura Montero

 

 

Minifundio

O ancestral minifundismo do Ribeiro transforma o territorio en todo un mosaico de identidades vitícolas únicas.

A complexa orografía e o minifundio marcan a viticultura da adega. As sucesivas particións por herdanzas de xeración en xeración e o legado histórico da estrutura familiar derivaron en viñedos de dimensións moi reducidas. A disposición orográfica define non só o territorio senón cada parcela segundo o grao de pendente, a orientación, o nivel e o tipo de exposición ao sol varían en cuestión de metros