Practicamos unha viticultura coa alma do territorio. A nosa filosofía baséase no regreso á orixe, poñendo en valor as prácticas culturais propias do Ribeiro que se foron perdendo, e recuperando os viñedos da zona histórica que agora están abandonados.

Os principios de observación e coñecemento transmitido, recuperando a sabedoría perdida dos nosos devanceiros, guían o noso espírito de traballo.

Escoitar o viñedo, observar o seu comportamento e comprender a súa natureza son a xénese do noso compromiso coa defensa da biodiversidade e do patrimonio vitícola.

Baseamos a nosa filosofía en prácticas ecolóxicas e sostibles para manter as terras vivas e equilibradas, xerando riqueza no ecosistema. O noso primeiro reto é facer unha boa viticultura dende o punto de vista agronómico, pero tamén sostible e biodinámica para conseguir un viñedo 100% ecolóxico.

Estamos rodeados dunha vizosa riqueza de plantas, arbustos e matogueira onde carballos, piñeiros, érbedos, sobreiras, chopos conviven coa xara, o toxo, o salgueiro ou o freixo. Unha premisa imprescindible é sermos respectuosos ao máximo co noso contorno convivindo, á vez, co universo que nos rodea.

Reequilibrar as viñas, estudar a vocación de cada pequena parcela, coñecer as identidades de cada viñedo, o hábitat axeitado para cada variedade ou a recuperación de paisaxes e viñas abandonadas da bisbarra son algúns dos nosos desafíos.

biodiversidad

“Só unha viña saudable e equilibrada será quen de transmitir a singularidade dun lugar”.

Laura Montero

Galego